Aproximación á Estratexia Universidade 2015 (Parte III)









Autonomía, Desregulación
Porén os plans non rematan aquí. As grandes corporacións precisan algo máis que o goberno directo das universidades para pór decididamente a educación superior ao servizo dos seus beneficios. Precisan destruír o marco legal que a día de hoxe impide que as diferentes universidades funcionen como empresas independentes, con todo o que isto implica: oferta de titulacións propias e diferentes ás doutros centros, potestade para conseguir financiamento proveniente do sector privado, autonomía na política de prezos, contratación de persoal propio e flexibilización dos modelos de contratos e salarios. O que propoñen estes documentos é unha desregulación, unha liberalización do sector que permita a competencia entre as distintas universidades, que deixe o campo libre á diferenciación entre elas e a consecuente concentración de capital nunhas poucas en detrimento do resto. De novo, as sentencias son moi claras neste punto, tanto nos textos do ministerio como nos da ANECA:
“[...] En Europa hai unha falta de diferenciación entre universidades […] a primeira actuación precisa en Europa é liberalizar as universidades nos contextos nacionais en que funcionan, creando un marco regulador menos pesado, co fin de liberar o seu potencial. Isto exixe […] fomentar a diferenciación entre elas […]. Isto non se logrará se non hai autonomía real estratéxica, o que supón que cada institución teña unha estratexia institucional para renovar os seus currículos e darlles un perfil distinto dos que ofrecen outras universidades […] e desenvolver uns polos de excelencia en sintonía co mercado laboral e a contorna económica e social. Unha regulamentación excesiva e a organización dos programas de estudos a nivel estatal impiden a modernización e a xestión eficaz das universidades da Unión Europea. Para realizar a reforma da gobernanza, as universidades europeas solicitan unha crecente autonomía na preparación dos seus programas e a xestión do seu persoal e das súas instalacións e recursos. […] Ante a nova contorna competitiva, as universidades teñen que ser capaces de axustarse ás demandas da sociedade, de demostrar a eficiencia na súa xestión interna e de achegar o financiamento preciso para a súa autonomía e sustentabilidade. […] De maneira que ao programar unha titulación cada universidade debe definir previamente o segmento de mercado ao que vai dirixida e seguidamente deseñar o correspondente plan de estudos […] Se cada universidade ten que definir as súas áreas de especialización e a súa estratexia é obvio que ten que gozar dunha marxe considerábel de autonomía, tanto na definición das súas titulacións como na selección do seu profesorado. […] A globalización chegou e, guste ou non guste, o mercado e a libre iniciativa impóñense” (VII Foro ANECA:Gobernanza y rendición de cuentas: las universidades ante la sociedad del conocimiento, 2006, páx. 7-10).
“A reforma lexislativa, de acordo cos principios xerais anteriormente expostos, ten que optar por unha desregulación progresiva e flexíbel…” (Estrategia Universidad 2015: La gobernanza de la universidad y sus entidades de investigación e innovación, páx. 25)
Sobre o persoal docente: “Convén liberalizar na medida do posíbel a súa contratación, tanto na selección como na retribución…” (páx. 33)
A universidade ten que ter unha certa autonomía á hora de decidir o prezo dos seus servizos, sendo o prezo un elemento de concorrencia básica para consolidar unha posición estratéxica no escenario competente de referencia. Sería positivo que o financiamento público se vinculase en parte ao éxito na obtención de recursos externos, proba da boa xestión ou unha elevada implicación coa contorna” (páx. 35).
Estes fragmentos déixannos claro por que para levar esta reforma até as súas últimas consecuencias é precisa unha desregulación progresiva: resulta evidente o feito de que, como di a pasaxe, “a organización dos programas de estudos a nivel nacional” impide que cada universidade poida competir co resto ofrecendo os seus títulos propios e, polo tanto, é preciso destruír a medio prazo o catálogo estatal de titulacións. Mentres exista unha norma que estabeleza a nivel estatal que cursos poden ofrecerse, a súa duración, contidos, prezos, etc., as distintas universidades non están en disposición de competir, e por tanto de diferenciarse neste aspecto.
Resulta tamén evidente que as universidades tampouco poden rivalizar polos docentes se non se “liberaliza na medida do posíbel a súa contratación, tanto na selección como na retribución”, é dicir, se non se lles da liberdade para contratar ao seu persoal baixo as condicións que elas decidan, para pagarlles máis ou menos do que diga o goberno central, e polo tanto é preciso destruír a medio prazo, e non dubidemos que se pretende facer, a figura do profesor-funcionario e todas as condicións que estabelece o seu convenio de negociación colectiva: xornada laboral, soldo, escala salarial asociada ao cargo, etc: “Os profesores son contratados e deixan de ser funcionarios”. Mentres exista unha norma a nivel estatal que dispoña as condicións de contratación da maioría do profesorado, do número de prazas que saen a concurso e da forma de acceder a elas, é imposíbel que as universidades se diferencien neste aspecto, que compitan polos seus docentes ofrecéndolles distintas cláusulas contractuais, soldos mellores, primas ou incentivos asociados á produtividade.
A Estratexia Universidade 2015 preceptúa unha ruptura destes convenios colectivos que son un obstáculo na adaptación da educación superior á lóxica da libre competencia mercantil (8). Que non esquezan os escépticos, neste sentido, que xa en 2001 a LOU permitía a cada centro contratar até un 49 % de profesores non funcionarios. Sobra a advertencia sobre as consecuencias fatais que pode ter unha destrución dos convenios tanto de contratación e remuneración do profesorado como de acreditación dos títulos de estudos: queda a vía libre para un empobrecemento xeral das condicións de traballo de docentes e estudantes / futuros traballadores.
É preciso aclarar que implica en realidade esa “diferenciación” entre universidades que tanto reclaman estes documentos, cal é o verdadeiro alcance desa reivindicación. É dunha lóxica esmagadora o feito de que non todas as universidades poden ter os profesores máis recoñecidos xa que non todas poden ofrecer os mellores soldos. Non todas poden contar coas mellores instalacións, nin cos programas máis atractivos, nin co maior prestixio. É obvio que non todas as universidades poden ser a mellor, non todas poden estar no número un da clasificación. É máis ben ao contrario: moi poucas aspiran a eses “primeiros postos”, mentres que a maioría dos centros están determinados á asfixia económica, o desprestixio, a precariedade, a falta de medios, a fuga de docentes e estudantado e ao empeoramento xeral da súa oferta educativa.
Igual de obvio  é o feito de que non todos o estudantado poderá asistir a esas supostas mellores universidades: só unha ínfima minoría poderá, mentres que a grande maioría terá que estudar en centros de baixa calidade.
De se estabeleceren as condicións materiais para que sexa posíbel a diferenciación entre universidades, cousa que  pasa por unha desregulación, como pretende a EU2015, a consecuencia directa é un proceso de concentración de capital nalgunhas delas. E isto non é só por unha lóxica de causa-efecto, non é algo que vaia ocorrer só por tratarse dunha implicación de por si, resultado da competencia. A diferenciación non só se “permite”, senón que tamén se promove activamente. Ese é precisamente o obxectivo do plan CEI (Campus de Excelencia Internacional).

Campus de Excelencia Internacional
Tras un período de presentación de proxectos que está en proceso, escolleranse algúns centros, os que teñan os programas máis “atractivos”, xa sabemos en función de que criterios e intereses, que recibirán un financiamento público extraordinario con respecto ao resto. Con isto impúlsase a concentración dos recursos nunhas poucas institucións, aquelas que xa estean nunha mellor situación para chegar a ser quen de competir internacionalmente mentres se condena as demais á mediocridade no mellor dos casos: “As universidades son comparadas mediante listaxes locais e clasificadas xeopoliticamente a escala global”. Ademais, o financiamento extraordinario non será a fondo perdido, senón que será un empréstitoque as universidades terán que devolver ao Estado nun curto prazo, co que se lles obriga a sacar rédito económico das inversións que realicen con ese diñeiro. Este proxecto é un dos que se atopan nun punto máis avanzado dos que conforman a EU2015 e xa están estabelecidos os criterios nos que se basean as “cualificacións” que se lle dan aos centros, así como as partidas económicas concretas que se adxudican: “O programa Campus de Excelencia Internacional (CEI), deseñado e introducido no Sistema Universitario Español (SUE) en 2008, desenvólvese nunha primeira convocatoria en 2009 e consolídase na convocatoria de 2010, achegándose globalmente a 492,5 millóns de euros para o período 2008-2010”(páx. 5) (9).
O proxecto CEI fala tamén de estimular “sinerxías” entre universidades e empresas nun sentido espacial / territorial. Pretende a formación de cluster ou conglomerados de corporacións, centros de educación superior, escolas de negocios, sociedades mercantís, centros de investigación, industrias propiamente ditas e outras institucións con ánimo de lucro que se sitúen en torno a un territorio definido para crear polos especializados que acaden posicións fortes na competencia internacional. O modelo é de novo o dos Estados Unidos , onde Silicon Valley é o prototipo máis famoso de cluster, que non é máis que un termo industrial anglosaxón. Para crear estes “conglomerados” é necesaria “unha reorganización do mapa de coñecemento no Estado español e como resultado disto, unha optimización do mapa universitario español” (páx. 12). Isto pasa pola “activación de alianzas estratéxicas entre universidades, e entre universidades e centros de investigación” (Documento de mellora e seguimento das políticas de financiamento das universidades para promover a excelencia académica e incrementar o impacto socioeconómico do Sistema Universitario Español (SUE), páx. 105) (10).
Polo tanto, é necesario que pasemos a un mapa con menos universidades, resultante da unión das máis fortes e do desmantelamento das máis modestas. Isto xa se está a producir, como se ve no documento CEI citado anteriormente, con unións desesperadas das universidades máis próximas territorialmente para conseguir ser escollidas como destinatarias do financiamento, como por exemplo, a unión que pretenden constituír a UCM e a UPM para pasar a ser o CEI Moncloa.
Fica bastante claro que a “diferenciación” entre universidades pola que claman os grupos empresariais de máis poder non significa senón o desenvolvemento dun modelo semellante ao norteamericano, que non en van é o exemplo no que se inspira a reforma. Cando se diagnostica que “en Europa é precisa unha diferenciación entre universidades” faise sempre en relación ao panorama dos Estados Unidos, cuns poucos centros de luxo nos que se forman as elites da sociedade e un feixe deles precarios e de baixa calidade e prestixio, destinados á maioría da poboación. Temos que ser conscientes do que significa realmente o discurso da “excelencia” que tanto insiste en construír a EU 2015, fundamentado de maneira hipócrita no nome da loita contra o “fracaso” e pola “calidade”.
Un proceso de concentración do capital nunhas poucas universidades vai en dirección diametralmente oposta a un proceso de democratización real, que non de masificación, da educación superior, que permita un acceso universal a unha formación digna e de calidade. Pola contra, afonda na diferenciación entre un pequeno sector da poboación dono dos recursos e capaz de acceder a unha boa educación, e a gran maioría, que se ve abocada a recibir unha mínima instrución destinada ao exercicio dunha función instrumental na produción capitalista cando non a integrarse prematuramente no mercado de traballo, contribuíndo inxustamente a perpetuar as estruturas de dominación vertebradoras desta sociedade.
[...]
Continuar en I,II,IIIIV
Referencias
8.- ”Unha universidade pública non é autónoma para facer o deseño dos seus programas de ensinanza nin para decidir cando vai comezar a impartir esas ensinanzas. Tampouco poden as universiddades decidir cantos alumnos van aceptar por titulación e en que forma van seleccionar aos seus estudantes. Tampouco poden dicir moito sobre os principais ingresos que se teñen, as taxas ou as aportacións da Administración. A selección do profesorado, sistemas e procedemento, vén controlada de xeito externo. Diversos aspectos da organización interna, os centros, os departamentos, o consello de goberno, o consello social, están tamén regulamentados de maneira externa. Tamén está regulamentado externamente como se teñen que tomar determinadas decisións, en que órganos, con que votacións e con que porcentaxes de pesos dun ou doutro colectivo. […] Se non hai autonomía non fai falla o sistema de acreditación”. V Foro ANECA: “Acreditación de institucións vs. Titulacións”, 2006.
10.- “Eixo da Estratexia Universidade 2015”, Consello de Universidades e Conferencia Xeral de Política Universitaria, 26 de Abril de 2010. (http://www.educacion.es/dctm/eu2015/documento-de-financiacion-26042010.pdf?documentId=0901e72b800d97ce)