Aproximación á Estratexia Universidade 2015 (Parte II)




Gobernanza
O primeiro documento en cuestión é Estratexia Universidade 2015 (de febreiro de 2010 (6)).  Nel regúlase a gobernanza da universidade e as súas entidades de investigación e innovación, , e a súa redacción encargouna o goberno conxuntamente coa CRUE (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas) e a fundación CyD, presidida por Ana Patricia Botín, filla de Emilio Botín. Nel exponse a reforma da estrutura de goberno das universidades, sobre todo no que se refire á cadea e ao método de elección dos cargos como o reitor, os decanos, etc. A proposta consiste en colocar á fronte das universidades os “representantes do mercado” dos grupos capitalistas de presión máis fortes e que estes nomeen directamente e desde arriba o resto de cargos académicos de cada facultade ou escola universitaria. O obxectivo é, textualmente: “Incrementar a axilidade na toma de decisións, especialmente naquelas de tipo estratéxico que teñan como obxectivo responder á aleatoriedade das condicións do mercado, os cambios nas demandas sociais ou as novas exixencias derivadas de reformas metodolóxicas ou tecnolóxicas”, xa que “a universidade debe garantir a docencia dun ensino de calidade, adaptado en todo momento ás necesidades sociais e, máis en concreto, ás diversas e cambiantes exixencias do mercado de traballo” (páx. 20).
Esta proposta de Lei estabelece as medidas que se teñen que tomar para que o goberno da universidade polos representantes das grandes empresas sexa posíbel. Para levalo a cabo é preciso, obviamente, desmantelar o actual sistema, que este artigo non pretende reivindicar nin moito menos, segundo o cal o reitor, que debe pertencer ao mundo académico, é elixido por sufraxio universal ponderado, directo e secreto entre os membros da comunidade universitaria. Coa reforma que propón a Estratexia Universidade 2015, o reitor xa non será un “académico”, senón un xestor profesional de empresas, un tecnócrata experto en dirección e xestión, e será nomeado directamente pola Xunta de Goberno, que estará formada maioritariamente por membros externos á universidade, representantes dos intereses do mercado. Esta terá unha constitución parecida á do actual Consello Social. “[...] A xestión racionalízase e adopta un estilo empresarial, o goberno colexiado transfórmase en corporativo ao independizarse dos académicos e intégrase con representantes dos stakeholders extremos”). Ademais, e por se fora pouco, segundo a Estratexia Universidade 2015 o reitor nomeará directamente os decanose estes á súa vez, os directores de departamento. A cadea de eleccións, de arriba a abaixo.
Estas medidas, desgraciadamente, non son augurios apocalípticos. Tampouco son as reflexións dun club de empresarios. Son, literalmente, as que recolle este texto publicado polo Ministerio de Educación, como se cita a continuación.
O documento comeza reflexionando claramente sobre as “tendencias” que se observan entre a gobernanza das universidades nos Estados Unidos, país no que se inspira o modelo que se propón; e isto declárase abertamente. Estas reflexións son importantes xa que son as que se utilizan despois para xustificar o modelo que se pretende impor aquí e das que, a modo de resumo, poderían destacarse as seguintes:
“Hai unha certa tendencia a que o reitor, máis que un primus inter pares elixido pola comunidade universitaria sexa un director executivo designado por unha Xunta de Goberno coa participación de membros externos á universidade, ante a que ten que responder. […] Normalmente o equipo reitoral designa os decanos de facultade e estes os directores de departamento e centros de investigación, directamente ou a través dos órganos colexiados correspondentes…” (páx. 11).
“A tendencia á diminución do poder da comunidade universitaria deuse nos procesos de xestión e goberno das universidades aínda que, paralelamente, pasaron a desempeñar un papel importante como órganos de consulta e opinión…” (páx. 12).
“Tamén se adoita incentivar cada vez máis as universidades para que incrementen os seus recursos mediante a apelación ao sector privado, por exemplo, en forma de doazóns e mecenado, acordos de cooperación con empresas, creación de empresas derivadas ou mesmo incrementado as taxas que teñen que pagar os usuarios da universidade pública…” (páx. 13).
“Estabelecemento de esquemas máis flexíbeis de retribución, coa posibilidade de incrementar o salario para atraer a profesores de renome internacional.” (páx. 14).
Incremento do poder das autoridades “executivas”, redución da influencia desenvolvida polos órganos colexiados e representativos da institución e crecente e decisiva participación de directores executivos externos á propia universidade.” (páx.21).
“As últimas tendencias parecen apuntar a unha estrutura de goberno inspirada no modelo EUA, no que o reitor é designado e removido por unha Xunta de Goberno na que teñen especial influencia membros externos á universidade” (páx. 27).
Posto que, segundo o ministerio, “permanecer alleo a tales tendencias leva a un risco serio en forma de perda de oportunidade” (páx. 19), estas medidas aplicaranse nas nosas universidades con esta nova lei. En concreto:
A Xunta de Goberno estará formada na súa maioría por membros externos á universidade” […] “Entre as funcións que asumirá o novo órgano destaca especialmente a de designar e remover o reitor, quen se someterá á avaliación periódica en función dos resultados obtidos. Estas funcións sitúan a xunta nun plano moi superior ao que até o de agora desempeñaban os consellos sociais” (páx. 31).
“[...] O único órgano capaz de desempeñar, sequera en parte, as funcións que se predicarían nunha eventual Xunta de Goberno de acordo coa proposta que agora se realiza é o Consello Social. […] este órgano é depositario de lexitimación suficiente nese papel de representante da sociedade que se lle presupón na súa relación coa universidade, polo que o seu carácter “externo” atoparíase asegurado sen necesidade de reforma lexislativa ningunha” (páx. 52).
“[...] Habería de elevarse a remuneración percibida polo reitor a niveis homologábeis desde un punto de vista mercantil, pois a súa actividade non se considerará un servizo temporal prestado á comunidade universitaria, accesorio á condición de docente e investigador do elixido, senón unha prestación de servizos principal suxeita a criterios de exixente dilixencia profesional” (páx. 30).
Resulta fundamental, polo tanto, que de maneira acorde coa nova función do reitor, se lle permita designar directamente os máximos responsábeis dos centros, pois só así poderá executar de forma integral e coherente o plan estratéxico acordado pola Xunta de Goberno” (páx. 31).
Paga a pena ver que di o ministerio sobre a evidente dificultade de lexitimar un reitor así ante a comunidade universitaria que, sen dúbida, como eles mesmos recoñecen, vai aborrecer estas propostas. Neste punto o seu cinismo chega a límites tan aleivosos que parece que nos atopamos ante unha broma grotesca:
“En canto ao problema da ausencia de lexitimación, este podería ser minimizado, cando menos, permitindo á comunidade universitaria, a través dos seus órganos colexiados de representación, a presentación de  candidatos a Xunta de Goberno de forma que, malia que a responsabilidade última da designación recaese neste órgano, tanto a propia condición académica dos mesmos como o feito da súa proposición en case a un certo consenso previo fixesen que a comunidade académica os percibise como propios e non impostos” (páx. 29-30).
Nesas indignantes pasaxes recóllense explicitamente as reformas, que xa van quedando claras: unha Xunta de Goberno formada por membros externos á universidade, similar ao actual Consello Social, que elixirá directamente o reitor, alleo ao mundo académico, e este nomeará, ou máis ben imporá, desde arriba os decanos, e estes os directores de departamento.
Antes de seguir, cabe recordar cales son eses “membros externos” integrantes, a día de hoxe, dos consellos sociais das universidades do Estado, xa que estamos vendo que este órgano vaise converter no novo goberno executivo e vai nomear o reitor, segundo a lei. Temos o exemplo de César Alierta, presidente de Telefónica, que ademais desta multinacional imperialista, tamén preside o Consello Social da UNED. Outro exemplo é o Consello Social da UCM, a universidade pública máis grande do Estado, onde nos atopamos con Carlos Mayor Oreja, presidente do consello; Ramón Espinar Gallego, patrón da Fundación Caja Madrid; Juan Manuel de Mingo Contreras, conselleiro director xeral de El Corte Inglés; Julio Linares López, conselleiro delegado de Telefónica, entre outros (7). Segundo o texto do ministerio, estas persoas son depositarias “de lexitimación suficiente neste papel de representantes da sociedade”. Este é o tipo de xente que vai formar a nova Xunta de Goberno que o ministerio quere para a universidade.
As autoridades políticas, neste caso do goberno de Zapatero, que foi quen impulsou esta norma, mais non só, están dispostas a entregar o control executivo da educación superior aos grupos económicos con máis poder, aos que representan e cuxos intereses non son os “da sociedade”, senón os seus, que defenden con todas as ferramentas. Xa non podemos falar de “influencias”, de “presións”, de “inxerencias” por parte destes lobbies (grupos de presión): temos que falar de goberno directo, inmediato, unilateral. Esta é a realidade. A reforma de gobernanza é un auténtico golpe de estado á universidade, que queda definitivamente intervida polos poderes capitalistas e pregada aínda moito máis aos seus venais obxectivos.
[...]
Continuar en I,II,IIIIV
Referencias
7.- Composición do Consello Social UCM: http://www.ucm.es/pags.php?a=directorio&d=0002055