Aproximación á Estratexia Universidade 2015 (Parte I)







Limiar
Nos últimos meses comezamos a ouvir nas nosas facultades voces que falaban sobre a crise da universidade, a súa asfixia económica, débedas, falta de medios, etc. Voces que reflexionan sobre a transcendencia do momento que vivimos, o caos da nosa situación e a magnitude do asunto. Estudantado e docentes atopan moitas razóns para se preocuparen polos acontecementos que, a curto e medio prazo, veñen reestruturar profundamente a educación superior. Acontecementos que comezaron hai uns anos e que se presentan nesta nova fase dunha maneira moito máis ambiciosa, directa e radical.
Estas voces que ouvimos nas aulas, nos corredores ou nas cafetarías, refírense a esta ondada de cambios estruturais aglutinados baixo a etiqueta da chamada “Estratexia Universidade 2015”. Pero, que significa isto? Que é o que vai cambiar? Que é o que vai pasar?
Este artigo pretende servir como punto de partida para poder comprender en que consiste concretamente esta nova “estratexia universitaria”, que desenvolvemento pretende e cales son as súas causas, medidas e obxectivos.

Que é “Estratexia Universidade 2015”
Estratexia Universidade 2015” é o nome que lle deu o goberno ao seu novo plan de reformas da educación superior e a investigación, que supón a segunda fase dos cambios que comezaron no 2010 co inicio da implantación efectiva do chamado Espazo Europeo de Educación Superior (EEES, máis coñecido como Plan Boloña) e que vai na liña de profundar o proceso de axuste da universidade ás novas demandas da economía, que foi desde o principio a esencia deste proxecto de suposta “modernización”. O nome do plan é o horizonte de aplicación destas reformas, é dicir, o ano 2015. Neste ano todas as licenciaturas desaparecerán para quedaren completamente transformadas polos graos.
Despois da completa reelaboración de todos os programas, a súa adaptación a carreiras máis curtas, a adopción do ECTS, a aprobación dos mestrados de investigación e de formación do profesorado e o resto de reformas que se recollían no Plan Boloña, que estaban máis centradas na nova estrutura das titulacións, a EU2015 aborda os trocos relacionados sobre todo co funcionamento dos centros universitarios, a súa forma de xestión e de goberno, atribucións, organización, financiamento e competencias. O obxectivo é, en última instancia, estabelecer as condicións materiais, xurídicas e económicas que permitan que a universidade forme os futuros traballadores segundo as cambiantes demandas do mercado capitalista, tal e como declaran os propios textos que se citan a continuación.
Para a súa realización, a EU2015 reúne unha batería de reformas que están recollidas nos documentos de Gobernanza e Financiamento, en todos os referentes ao proxecto CIE (Campus de Excelencia Internacional), a Lei da ciencia e os estatutos do PDI, do PAS e do estudante.
Este artigo centrarase, sobre todo, nos dous primeiros textos citados (Gobernanza e Financiamento), nos que se atopan as declaracións máis importantes e máis directas, e nalgúns outros publicados pola ANECA (Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación), institución encargada de tutelar a implantación do proceso de liberalización da universidade a nivel estatal, que nos deixa frecuentemente reflexións moi explícitas ao respecto. Estes documentos permitirannos comprender a natureza dos profundos trocos que se nos veñen enriba, que pretenden levarse a cabo ás nosas costas e que, polo seu alcance, obrígannos como estudantado e como parte da comunidade universitaria a organizar unha resposta que estea á altura das circunstancias.
Nótase axiña nos fragmentos que se reproducen a continuación unha diferenza bastante grande cos textos de hai algúns anos (Proxecto Tuning, Informe Bricall, Declaración de Boloña, Berlín, Londres, etc.). Xa non estamos ante esa linguaxe comedida, ambigua ou equívoca que había que ler entre liñas e que trataba de ocultar intencións: os textos da EU2015 son directos e explícitos, din sen escrúpulos todo o que nos outros se esvaecía con retórica e formulismos; radicalizaron o discurso. Por esta razón, este artigo consistirá sobre todo en citas directas dos proxectos de lei do ministerio e das publicacións da ANECA. Citas que poden chegar a este ton:
“Está producíndose ou non unha sobre-oferta de graduados en relación ás demandas do mercado de traballo? Reciben os estudantes unha formación pertinente ou existe, pola contra, un desaxuste entre os cursos que eles elixen, ou se lles ofrecen, e as necesidades da economía? Son apropiadas as capacidades e habilidades que os mozos adquiren para o desempeño dos roles que exixe o mundo laboral? Fanse cargo as universidades, nos seus distintos ciclos formativos, de desenvolver as competencias non tradicionais que as empresas reclaman dos graduados, tales como habilidades sociais, liderado, capacidade de traballo en equipo, xestión do estrés, intelixencia emocional e outras? Máis en particular, responden as institucións educacionais ás expectativas dos empregadores de contar con persoal dotado dunha específica moral do traballo: disciplina, responsabilidade, compromiso, produtividade, disposición a cambiar e, porén, manter a lealdade coa empresa? Están preparados os docentes universitarios, habitualmente académicos a xornada completa con escasa experiencia laboral fóra da universidade, para transmitir eses principios moral-formativos, ademais de proporcionar as novas competencias que as empresas agardan dos seus traballadores, técnicos, profesionais e cadros xerentes? […] Como deberían, se acaso poden, adaptarse as institucións de ensino superior, ou adecuarse temporalmente cando menos, a esta nova constelación de circunstancias que caracteriza o mundo do traballo e o mercado laboral? […] A universidade contemporánea está forzada, igual que o estivo en períodos anteriores do capitalismo, a ter en conta o seu entorno de xeito vital, incluídas non só as novas circunstancias do mundo do traballo, senón  os efectos que traen consigo os procesos de globalización, […] a maior centralidade dos mercados na coordinación dos sistemas de educación superior, o estreitamento do rol dos estados no seu sostemento e a presión que sobre as institucións exerce a universalización da educación terciaria. […] As institucións deben competir e diversificar as súas fontes de ingresos. Xorden novos provedores: institucións privadas, universidades corporativas, a distancia ou vía internet, entre outros. Os estudantes pagan aranceis e pasan a ser clientes e os profesores son contratados e deixan de ser funcionarios. As funcións institucionais convértense en desempeños e están suxeitas a minuciosas medicións. Saliéntase a eficiencia e a relación calidade-prezo, os modelos de negocio substitúen na práctica os plans estratéxicos e a xestión racionalízase e adopta un estilo empresarial. O goberno colexiado transfórmase en corporativo ao independizarse dos académicos e integrarse con representantes dos stakeholders externos. Os investigadores son estimulados a patentar e os docentes a vender docencia “empaquetada” ás empresas. Os incentivos vinculados á produtividade académica substitúen as escalas salariais asociadas ao cargo, os currículos son revisados e sancionados en función da súa pertinencia laboral e avaliados por axencias externas en relación á súa calidade. As culturas distintivas das institucións e as súas “tribos académicas” comezan a ser tratadas como asunto de clima organizativo, as universidades son comparadas por medio de clasificacións locais e clasificadas xeopoliticamente a nivel global. Créase un mercado global para servizos de educación superior e a súa regulación resólvese nas roldas do AXCS (o Acordo xeral sobre o comercio de servizos), e non en sede académica. En resumo, a universidade xa non é un lugar tranquilo para ensinar, realizar traballo académico a un ritmo pausado e contemplar o universo como ocorría en séculos pasados. Agora é un potente negocio, complexo, demandante e competitivo que require inversións continuas e de gran escala” (ANECA,El debate sobre las competencias, 2009, páx. 19-24).
Nestas crúas deliberacións da ANECA, cuxas sentenzas son tan claras que case desmerecen calquera tipo de comentario, están contidas practicamente todas as liñas que está a seguir o proceso de mercantilización da educación superior. Poderiamos referirnos longamente a cada unha destas frases, incluso exemplificar nelas cada punto das reformas, incluíndo as que comezaron a aplicarse. De momento, porén, deteñámonos na reflexión que impregna todo este fragmento, a idea de que o contexto económico actual é moi diferente do de hai anos e exixe unha adaptación da universidade ás súas novas esixencias: “como deberían […] adaptarse as institucións de ensino superior […] a esta nova constelación de circunstancias que caracteriza o mundo do traballo e o mercado laboral? (1)”. En todos os documentos oficiais da ANECA insístese en sinalar as características desta “nova economía”. Fronte á situación que había nos anos cincuenta a oitenta, cando se masificou a educación  superior en Europa e xurdiu o chamado “estado do benestar”, nos que un crecemento forte permitía un horizonte amplo de previsibilidade e o florecemento dos novos sectores demandaba cualificación masiva e traballadores (2); desde os anos noventa a conxuntura vén sendo ben distinta, e agora fálase de imprevisibilidade, de arbitrariedade, de aceleración constante dos trocos. Utilízanse conceptos como “modernidade fluída” ou “capitalismo líquido” para referirse ao carácter inconsistente e mudábel do mercado. Invócase até a náusea o concepto de “flexibilidade”, alegando a necesidade de traballadores “móbiles”, dispostos a cambiar de sector, de emprego, de oficio cantas veces sexa preciso, capaces de “reciclarse”, de “resituarse” durante a súa traxectoria laboral. Faise unha defensa apolóxica da “aprendizaxe permanente, ao conto de toda a vida”, e apóiase esta idea nun sermón velenoso sobre unha nova “cultura pedagóxica baseada no esforzo autónomo do estudante / traballador, ao que se responsabiliza así directamente de “re-formarse” pola súa conta para seguir sendo “empregábel” e ao que se trata, polo tanto, de convencer de que é o seu interese investir tempo e diñeiro en non deixar de ser un suxeito explotábel polos seus futuros empregadores. Neste sentido, ilústrase con vehemencia o concepto actual de “competencias, habilidades e destrezas” e “saberes transversais”, máis acordes co actual caos produtivo e os seus requirimentos de formación continua e maleábel, fronte ao modelo de clase maxistral. Constrúese, en definitiva, todo un discurso que xustifique a perniciosa “necesidade” de que a universidade forme o novo perfil de traballador que demanda a economía capitalista, é dicir, que sexa unha fábrica de graduados precarios e pouco cualificados, idóneos para incorporarse a un mercados“flexíbel” e “líquido”, un mercado lixo.
Razón non lles falta para este diagnóstico da situación. Os empregos que máis crecen agora requiren baixa ou nula cualificación e son, utilizando o seu propio termo, do tipo short term on the job training(formación de corta duración no propio centro de traballo): camareiros, repoñedores, transportistas, comerciais, teleoperadores, limpadores, auxiliares de clínica, gardas, recepcionistas, caixeiros, auxiliares de mantemento, etc. Isto xa o sinalaba o informe FAST II sobre o emprego dos Estados Unidos, no que o único traballo de carácter tecnolóxico, o de mecánico, aparecía en vixésima e última posición. Máis recentemente, un estudo do Ministerio Americano de Emprego para o período 2008-2018 (3), mostra que esta tendencia verase reforzada nos vindeiros anos. As tres ocupacións que máis medran son caixeiros, vendedores e camareiros, nesta orde. Os informes europeos tamén falan do cambio da natureza dos empregos, da súa inestabilidade e precariedade: en Francia, por exemplo, só nos anos 1994-1995, o número de contratos temporais case se duplicou (4). No Estado español o paro xuvenil achégase, nestes momentos, ao 50 % (5).
A época da cualificación masiva de traballadores, que se asegurou co desenvolvemento da educación superior pública, comeza a ser cousa do pasado: “está producíndose ou non unha sobre-oferta de graduados en relación ás demandas do mercado de traballo?”. A resposta da ANECA é, evidentemente, si. O “novo mercado” xa non precisa dispor dun aparello xigantesco para formar os seus futuros asalariados e, polo tanto, disponse a axustar este aparello ás súas exixencias, o que pasa polo seu desmantelamento, polo menos na súa concepción actual. Ese é o obxectivo do proceso de reformas ao que estamos asistindo: a universidade non pode producir os suxeitos “acaídos” para o novo mercado de traballo flexíbel sen reelaborar por completo todos os seus programas, cambiar a forma de financiamento e de goberno e dar unha nova dimensión, moito máis ampla, ás súas competencias.
A reelaboración de todos os plans de estudos levouse a cabo nestes últimos anos, como todos sabemos, e os plans novos comezaron a implantarse co comezo do proceso de Boloña no 2009: “os currículos son revisados e sancionados en función da súa pertinencia laboral e avaliados por axencias externas en relación á súa calidade”. O resultado, a grandes trazos, ademais da previa creación da propia ANECA como “axencia externa”, foron carreiras máis curtas, con moitos menos contidos específicos, moitas menos materias, e cun primeiro curso de coñecementos xenéricos, “transversais”. É dicir, houbo un proceso de descualificación dos títulos que non responde senón a estas actuais demandas do mercado de graduados menos formados e máis flexibles. “[…] Son moitas as medidas que se puxeron en práctica co fin de converter o ensino universitario en excelente e adaptalo ás necesidades das empresas. […] Para iso utilizáronse e estanse analizando, a través de numerosas investigacións no mercado de traballo, cales son os requirimentos actuais das organizacións empresariais. As universidades, pola súa banda, adaptarán os seus plans de estudo e métodos de aprendizaxe a este catálogo de competencias” (ANECA, El debate sobre las competencias, 2009, páx. 32).
Os cambios no financiamento na forma de goberno das universidades así como a nova dimensión que se lle da ás súas competencias, ou como afirma cinicamente o ministerio, a súa “autonomía”, son precisamente os aspectos da reforma que se abordan na segunda fase do proceso, a chamada Estratexia Universidade 2015. As propostas de lei que se recollen nela supoñen un golpe maiúsculo á educación superior. Os fragmentos que se reproducen a continuación, que están sacados dos textos publicados polo propio Ministerio de Educación na súa páxina web, resultan vergoñentos, ofensivos e intolerables para calquera membro da comunidade universitaria.


Referencias
1.- As fontes de todas as citas directas que aparecen sen referencia xa foron indicadas con aterioridade.
2.- “En Bélxica por exemplo, [...] entre 1953 e 1972 [...]: a agricultura perdeu o 52% dos empregos asalariados, o carbón (-78%) e as canteras (-39%). Mais esas perdas foron amplamente compensadas noutros campos como a siderurxia (+10%), químicas (+36), electrónica e electrotecnia (+99%), imprenta (+39%). Tamén no sector servizos: bancos (+131%), automóbil (+130%), administracións públicas (+39%). O momento, polo tanto, non só esixía un crecemento da man de obra asalariada se non sobre todo, unha elevación xeral do nivel de instrucción dos traballadores e dos consumidores.” Nico Hirtt, “Tres eixos da mercantilización escolar”.
3.- Employment Projections: 2008-2018 Summary, “The 30 occupations with the largest number of total job openings due to growth and replacements”, U.S. Department of Labor, Bureau of Labor Satistics, decembro de 2009, http://www.bls.gov/news.release/ecopro.t10.htm.
4.- L’insertion profesionnelle des jeunes lycéens: Nota informativa do Ministerio da Educación nacional, a Investigación e a Tecnoloxía, 18 de xuño de 1998, ISSN 1286- 9392, situación a 1 de febreiro de 1997.


Continuar en I,II,IIIIV