Aproximación á Estratexia Universidade 2015 (Parte IV)







Financiamento
Como xa apareceu en varias das citas referidas, a EU2015 tamén trae virulentas reformas en materia de financiamento das universidades, ademais das contidas no proxecto CEI: “As institucións deben competir e diversificar as súas fontes de ingreso”. Todas elas van na liña de liberalizar as vías que poden usar os centros para conseguir os seus recursos e o “financiamento preciso para a súa autonomía”. Podemos distinguir dúas “vías” de obtención directa de recursos por parte das universidades que a EU2015 propón “flexibilizar”: o logro de financiamento privado mediante acordos con empresas, por un lado, e o cobro de taxas ao estudantado, por outro: “[…] Adóitase incentivar cada vez máis as universidades para que incrementen os seus recursos mediante a apelación ao sector privado, por exemplo, en forma de doazóns e mecenado, acordos de cooperación con empresas, creación de empresas derivadas ou mesmo incrementando as taxas que os usuarios da universidade pública teñen que pagar”.
Con respecto ao primeiro punto, o Documento de mellora e seguimento das políticas de financiamento das universidades para promover a excelencia académica e incrementar o impacto socioeconómico do Sistema Universitario Español (SUE) do Ministerio de Educación, insiste na necesidade de acordos das universidades con corporacións con ánimo de lucro co obxectivo de incrementar os ingresos dos distintos centros educativos. Para chegar a estes acordos, as universidades terán que ofrecer programas que sirvan aos intereses destas corporacións que presuntamente van pór o capital necesario para o seu desenvolvemento. As empresas no van doar o seu diñeiro ás facultades, como é obvio, vano investir na formación de traballadores adecuados para ser contratados nun ou noutro sector da produción. O financiamento de carreiras universitarias por grandes sociedades mercantís é unha cláusula definitiva na adaptación da oferta de titulacións superiores á “ aleatoriedade das condicións do mercado”.
Esta “busca” de financiamento privado, de novo, no só se “permite”, senón que se protexe e impulsa de xeito decidido con estas novas reformas, e isto faise subordinando o financiamento público á obtención dese financiamento privado. Xa dicía o documento de Gobernanza que “sería positivo que o financiamento público se vinculase en parte ao éxito na obtención de recursos externos, proba da boa xestión, ou a unha elevada implicación co entorno”. É dicir: cando unha universidade logre deseñar un programa interesante para o investimento de capital por parte de algunha empresa, entón o Estado porá fondos públicos nese proxecto. Esta medida ten un enorme alcance, xa que serve a varios dos obxectivos da reforma.
En primeiro lugar, obriga as universidades a propor carreiras que podan resultar “atractivas” para as empresas, é dicir, representa un paso importante cara á subordinación da oferta educativa ao servizo dos seus intereses.
En segundo lugar, obriga as universidades a competir entre elas para conseguir “acadar” este financiamento público, que se outorgará en función de se son quen ou non de lograr capital privado.
Ademais é unha inocultábel fuga de capital público ao sector privado, xa que o Estado porá diñeiro de todos os traballadores para financiar proxectos de cuxos resultados se apropiará unha empresa particular.
O documento de Financiamento tamén di que “o recoñecemento de resultados das universidades na súa actividade de I+D+i [...] debe considerarse como unha vía máis para financiar a investigación en función do esforzo e dos resultados de excelencia dos seus profesores/investigadores e da incidencia que esta actividade ten sobre o recoñecemento internacional da institución [...] Estas avaliacións [...] utilizaríanse como base fundamental para a obtención de financiamento público…” (páx. 81). Este tipo de reflexións apóianse en todo o discurso da “rendición de contas” que sufrimos desde hai anos. Continuamente aparecen nos grandes medios de comunicación declaracións hipócritas que denuncian o “malgasto de fondos públicos” que facemos os universitarios, que estamos aí, lendo libros que no serven para nada e aprendendo coñecementos “obsoletos”, todo isto mentres nos dedicamos día e noite á troula, sen preocuparnos por repetir cursos unha e outra vez. Todo isto son arengas demagóxicas e falaces que crean o ambiente de opinión necesario para facer reformas deste tipo, coa creación de axencias externas de avaliación da calidade, subordinación do financiamento público á obtención de fondos privados e outros métodos de rendición de contas (11) que “garantan a utilización eficiente” dos recursos nas universidades; é dicir, reformas que dobregan a educación superior, sometendo a docencia e a investigación á consecución de resultados válidos para a súa apropiación por parte dunha entidade capitalista.
Este é o ánimo que inspira a nova Lei de ciencia, que polas súas inmensas implicacións, que superan por todos lados o que ten que ver estritamente coa universidade, merece ser tratada noutro artigo dedicado exclusivamente a ela. Porén, cabe adiantar que nos atopamos con medidas similares ás contidas na pasaxe recentemente citada: financiaranse con diñeiro público os proxectos de investigación que amosen que poden interesar a algunha empresa disposta a patentar unha innovación, apropiarse dela e introducila no tecido produtivo: “os investigadores son estimulados a patentar e os docentes a vender docencia ‘empaquetada’ ás empresas”. Trátase dunha apropiación, esta vez, dos resultados da investigación universitaria por parte das empresas máis fortes dos ámbitos de innovación, desde as farmacéuticas até as aeroespaciais, pasando polas mineiras ou as químicas.
Neste sentido, o documento de Financiamento propón xa, con respecto aos contratos do PDI (Persoal Docente e Investigador), o estabelecemento dun “sexenio de transferencia e innovación”, durante o que “se avaliará os profesores e investigadores que propicien a aplicación do coñecemento á sociedade e os seus axentes económicos tanto públicos como privados” (páx. 82-83), e daráselles incentivos asociados á obtención de resultados.
Con respecto ao cobro de taxas ao estudantado, a EU2015 dispón explicitamente o aumento dos prezos públicos dos créditos, que se producirá na segunda e sucesivas matrículas: “Os estudantes pagan aranceis e pasan a ser clientes”. O aumento que se estabelece é porcentual e baséase no cálculo do custo medio que en teoría carrexa a educación universitaria de cada estudante durante un curso académico: calcúlase que este custo medio é duns 6.000 €/ano/estudante (12), do que pagamos, como moito, de media, un 15% en 1ª matrícula, uns 900 €. Este documento propón unha suba porcentual na segunda e sucesivas matrículas até que o estudante chegue a cubrir o 100% do custo real da súa educación, que hoxe en día se calcula que son uns 6.000 €, malia que algúns estudos elevan esta cifra a 10.000 €, pero que noutros países de Europa acada os 20.000 €, e é esperábel que tamén aquí vaiamos nesa dirección. O texto é moi directo neste punto:
“Os estudantes que repitan matrícula nunha ensinanza universitaria deberán pagar até o 50% e o 100% do custo medio de presentación do servizo universitario en segunda e terceira ou sucesivas matrículas. A súa aplicación será progresiva, e así, durante os seis anos de desenvolvemento do modelo, até o 2015-2016, proponse un aumento anual de entre o 10 % e o 15 % para a segunda matrícula e de entre 15 % e 30 % a terceira. Os aumentos non se producirán até o curso 2011-2012 e só serán de aplicación aos estudantes que teñen como actividade exclusiva o desenvolvemento do seu proceso formativo” (páx. 45-46).
Queda máis que claro que as taxas van subir (13). E xa sabemos cando e canto. O aumento comeza a producirse da forma que acabamos de ver, e non fai falla unha lucidez extraordinaria para, cando menos, sospeitar que nos diriximos cara a un modelo de taxas prohibitivas, como o que existe nos Estados Unidos. Véxase senón o recente anuncio do goberno británico de que multiplicará os prezos dos créditos, que provocou importantes disturbios en Londres. Non estamos, de novo, ante previsións nin futuríbeis. Hai que abandonar a confianza e o escepticismo. Trátase dun proceso real do que temos que ser conscientes e que debemos enfrontar contundentemente se non queremos ter que hipotecarnos para ir á universidade.
Neste punto, tamén cómpre unha desregulación, pois até o de agora a lei estabelecía que as taxas que o estudantado ten que pagar no podían subirse máis do 3,8% anual. Isto evidentemente é contraditorio co novo proxecto de lei e, polo tanto, debe revisarse.
Por último, con respecto aos cambios na política de bolsas, estes non responden ás palabras grandilocuentes das autoridades sobre a necesidade de poñer en funcionamento un potente sistema de axudas de cara ao novo modelo de universidade na “sociedade e a economía do coñecemento”, etc.
En primeiro lugar, afondan no modelo de bolsas-préstamo que xa estabelecía Boloña, pero que agora teñen moito peores condicións que as iniciais. Xa no hai interese cero, senón un “interese fixo”; e xa non se pode retrasar o pagamento se se ingresan menos de 22.000 €/ano. Só haberá un ano de prazo para comezar a devolver o diñeiro unha vez terminado o posgrao, co que aumentan as cotas, ao reducírense os prazos de amortización. Os préstamos son de entre 14.400 € e 34.800 €. O orzamento para este tipo de créditos aumentou de 75 a 100 millóns de euros. Estes cambios xa están vixentes (14). A única diferenza entre estes “préstamos universitarios” e un préstamo normal dun banco é que no fai falla aval: o aval é o propio estudante, que remata os seus estudos cunha débeda de decenas de miles de euros, que sae da universidade co futuro vendido de antemán, a traballar para pagar o que aínda non gañou. Esta é a concepción de “bolsa” que teñen as autoridades que levan a cabo estas reformas.
En segundo lugar, e despois de moita charlatanaría enganosa, chegamos á grande novidade que con tanta insistencia se nos vende como o gran progreso para o estudantado en materia de axudas á formación: a nova “bolsa-salario”. Pero a máis mínima ilusión desaparece no momento en que vemos as súas condicións: a “bolsa-salario” terá un importe anual de 6250 €, uns 500 € ao mes, moi lonxe do salario mínimo interprofesional, e ademais, para aspirar a ela haberá que estar baixo o Umbral 1 de renda, que é nada máis e nada menos que 13557 € anuais para 4 persoas. Se facemos o cálculo, vemos que só poderá aspirar a unha bolsa-salario un estudante cuxa familia de 4 persoas recade menos de 1130 € ao mes, que son 280 € ao mes para cada membro da familia, uns 9 € persoa/día.
Os fillos do sector da poboación cun nivel económico tan baixo non chegan, por norma xeral, á universidade. Non esquezamos que no estado hai un 30 % de fracaso escolar, que non se corresponde precisamente, cando menos nunha grande maioría, cos fillos do sector de nivel máis alto. E se chegan, en calidade de bolseiros, elixen carreiras cun índice máis baixo de suspensos, para conservar a bolsa, co que algunhas carreiras non teñen mobilidade social, situación que se profundará, evidentemente, co incremento na segunda e sucesivas matrículas. A suba de taxas que trae a EU2015, acompañada dun sistema de bolsas ridículo, acentúa enormemente a función de máquina reprodutora das diferenzas sociais que realiza a universidade de masas.
Non está de máis recordar de novo a creación o pasado curso do Estatuto do estudante universitario facendo fincapé no seu punto máis importante: a creación do Consello de Estudantes Universitarios do Estado, o novo máximo órgano de representación estudantil a nivel estatal. Decatémonos, unha vez máis, de que estamos ante un verdadeiro golpe á participación do estudantado na política universitaria, cando vemos que o presidente do Consello é o Ministro de Educación, o Vicepresidente é o Secretario Xeral de Universidades e o Secretario é o titular da Dirección Xeral de Formación e Orientación Universitaria. Tamén hai no Consello 5 membros vitalicios nomeados directamente polo Presidente. O resto son estudantes membros das Xuntas de Goberno de todas as universidades do Estado, tanto públicas como privadas. Os membros máis importantes do “máximo órgano de participación estudantil” forman parte do Goberno central. O máximo representante estudantil é o Ministro de Educación.
Isto parece absurdo pero por desgraza non o é. A EU2015 podrece aínda máis se cabe as poucas vías “institucionais” que os estudantes tiñamos á nosa disposición para tratar de influír nas decisións que afectan á nosa educación, e demóstranos unha vez máis que a lóxica deses organismos burocráticos é cada día menos compatíbel cos intereses xerais do estudantado. Malia que a Liga ten presenza en moitos deles, como xuntas de facultades, claustros, consellos de goberno, consellos sociais, Consello de Estudantes Universitarios do Estado, etc.,  somos conscientes do papel que xogan e da pouca voz que neles ten o estudantado. A nosa estratexia debe pasar pola mobilización e pedagoxía entre o estudantado das medidas que nos están a impor, coa complicidade e o silencio social.
Neste artigo repasamos os puntos máis importantes da EU2015: goberno de facto das universidades por parte das grandes empresas, suba de taxas, revisión de convenios de contratación e remuneración, desregulación que permite a competencia e a concentración de capital en poucas universidades, a súa “diferenciación”, protección e promoción activa desa diferenciación.
Na análise dos documentos vemos como se lles enche a boca aos impulsores de estas reformas con alegacións e defensas altisonantes da “autonomía” universitaria. Nin que dicir ten que pervertiron por completo o significado desa palabra, déronlle a volta como a un calcetín. Eles non se refiren, claro, a que a universidade sexa un espazo de reflexión e pensamento crítico independente de toda influencia do poder e alleo a toda lóxica de dominación. Non se refiren, non, a que a universidade sexa autónoma para producir o coñecemento que xulgue oportuno e beneficioso para o avance e a mellora das súas disciplinas, á marxe de calquera lucro económico de calquera entidade privada. Non queren dicir, por suposto, que a universidade vaia ser un lugar de produción de discursos alternativos á ideoloxía dominante, libre de toda dialéctica mercantilista. Non se refiren, por último, a adecuar os estudos das nosas universidades a carreiras realmente incardinadas no país. Eles falan de outro tipo de “autonomía” universitaria, de outro tipo de universidades “libres”. Universidades “libres” para precarizar as condicións do estudantado, de docentes e investigadores, “libres” para someterse aos grupos económicos máis poderosos, “libres” de obstáculos para ser intervidas definitivamente polo “libre” mercado capitalista.
Nestes tempos de desmobilización da comunidade universitaria perdemos moito terreo, e a primeira mostra é precisamente esta radicalización da linguaxe neoliberal dos documentos oficiais que as autoridades utilizan alegremente e sen pagar por iso, a día de hoxe, ningún prezo político. Todos os esforzos que fixo o goberno nos medios de comunicación por negar a natureza eminentemente mercantilista do EEES, xa que mesmo se destinaron 13 millóns de euros nos Orzamentos Xerais do Estado de 2009 para propaganda sobre Boloña en diarios e televisións, foron absolutamente desterrados nesta nova fase do proceso: cando a resposta da comunidade universitaria non ten intensidade, o Estado abandonou as súas reservas á hora de declarar abertamente os plans que ten para a nosa educación. É certo que os textos se entenden mellor e que son, polo tanto, máis fáciles de criticar xa que enseguida notamos as intencións nocivas que teñen, pero non hai que esquecer que o avance na súa linguaxe é proporcional ao retroceso na nosa loita, ou a súa ausencia. Ante o enorme fortalecemento e a ambición que amosan os plans da EU2015, non valen medias tintas. Non podemos andarmos con suavidades neste escenario, no que enfrontamos un proxecto drástico, fulminante. Hai que construír un discurso rompente e radical, como mínimo no mesmo grao que o que rexeitamos, para opormonos a estes ataques.
Tamén temos que estar moi atentos a todos os pasos que dea o goberno na aplicación dos seus plans, xa que a súa intención é facer esta reforma pouco a pouco e sen facer ruído para que non nos deamos conta. O documento de Gobernanza do Ministerio, que citamos xa repetidas veces, di textualmente: “A reforma [...] debe acometerse de forma progresiva e paulatina. Calquera intento de cambio brusco pode chocar coa incomprensión e resistencia de institucións que, por razóns puramente históricas, tenden ao receo fronte a calquera novidade ou modificación substancial. véxase Boloña, non só desde a perspectiva estudantil senón desde a reticencia latente en determinados sectores do persoal docente e investigador. [...] A estratexia de comunicación debe ser, ademais, deseñada desde un principio, sen marxe á improvisación. O exemplo de Boloña e a súa deficiente “comunicación” cara á sociedade é demasiado recente como para esquecelo” (Páx. 22-23).
Por suposto, a educación non é o único campo no que os grupos de presión capitalistas están gañando posicións; non hai que perder de vista a situación de retroceso xeral que estamos vivindo en sanidade, soldos, despedimentos, pensións, contratos, xornada laboral, e demais convenios colectivos. A EU2015 forma parte dun proceso amplo que supera o ámbito estritamente universitario. As e os estudantes, futuros traballadores precarios, futuros parados, futuras engrenaxes dun mercado que ofrece unhas condicións cada vez máis penosas, temos que ser quen de construír unha forza socialmente visíbel, e tratar de confluír cunha masa crítica o máis ampla posíbel para loitar contra esta deriva xeneralizada que só beneficia ao capital.
Porque cremos na universidade pública como espazo onde construír pensamento crítico, porque cremos na universidade pública como lugar de investigación ao servizo da sociedade, porque cremos na universidade pública como un instrumento contrario á dominación, porque cremos na universidade pública como fonte de coñecemento e de conciencias libres e porque cremos nunha universidade pública ao servizo do interese xeral do noso pobo rexeitamos o chamado Plan Boloña e todo do que del se deriva.

Stop Estratexia Universidade 2015!
Organízate e loita na Ofensiva Estudantil Sindical

Volver a I,II,IIIIV
Referencias
11.-“Entre as medidas de control atoparíanse as auditorías financeiras, o vixiar o estrito cumprimento dos indicadores do desempeño acordados, a realización de informes anuais, o mantemento dunha base de datos extensa,  rigorosa e completa, ou a elaboración de informes internos (nos diferentes niveis) e externos de avaliación e acreditación da calidade.” “A gobernanza da universidade e as súas entidades de investigación e innovación”, (páx. 13)
13.- O ambiente preciso para facer esta subida vense creando nos medios desde hai tempo, con artigos de prensa panfletarios e amarelos como o publicado po El País o 17/03/2009, titulado “A universidade gratis é posible: pagan os preguiceiros” (http://www.elpais.com/articulo/sociedad/Universidad/gratis/posible/pagan/vagos/elpepisoc/20090317elpepisoc_1/Tes); ou con portadas vergoñentas e ofensivas como a da Gaceta Universitaria de Novembro de 2008, na que, sobre unha foto dun mozo nun sofá cos pés na mesa, dicía: “O «señorito» estudante español no traballa” (https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgwJ8CWp-47jsjzTI7SnP9LBrvx5C6FbCunw7sbUt7LJ6ena41gbkXiXH2MeVRXf9PB53LB7i0WOgUegddSNDQZfGRE5Kf_rpOqEEhENPuVkdeoYlQjiQHXpnlQ_s6zfMWr7k6LO47OTNup/)